Actualidad

Tres parámetros de planificación

No momento en que se clausura todo, Miguel Varela reuniuse con nós e díxonos: Vamos a pontenciar a Igrexa doméstica. Sempre foi un puntal. En tempos nos que a Igrexa doméstica parece que non é tan importante ou parece que as familias non optan polo traballo de educar na fe aos seus fillos, precisamente é o momento de darlle un pulo. Logo, atender á catequese no domingo, como día do Señor, para celebrar a fe; pero tamén como día para coñecer a fe. Por último, que se crease un lazo entre os catequistas e as familias, para que éstas se puidesen apoiar en aqueles e poder continuar o proceso de profundización na fe cos nenos e adolescentes.

TEMARIO OU ITINERARIO

Dende o propio itinerario que teñen os materiais de catequese de Galicia, que non é outro que o itinerario da Conferencia Episcopal (seguindo os tres catecismos publicados para a iniciación cristiana), plantexamos os temas de xeito que fosen asequibles para as familias. Como? Centrados no evanxeo do domingo e vendo que temas se adecuaban mellor a cada unha das etapas recollidas no catecismo. Darlle a volta ao chip: o fundamental non eran os libros e materiais cos que traballábamos habitualmente, senon facilitar que as familias trascendesen o feito de ter que cubrir unhas fichas: manter viva a parte máis experiencial do neno ou do adolescente e poder celebrar o domingo en familia, na casa.

 

CENTRADOS NO DOMINGO

Recuperamos as dimensións que precisan ser traballadas na catequese: a dimensión cognitiva, a litúrxica, a oración, a experiencial, a vivida… aunamos nesas poucas páxinas enviadas ás familias, eses aspectos variados. Nunha catequese e pastoral ordinarias, esas dimensións vense realizadas asistindo á Eucaristía ou a outro tipo de encontros que non se poden facer durante un confinamento. As familias agradecérono moito. Ás veces para os nenos era complicado seguir a Misa na televisión, sen máis. Mentres que, se tiñan o guión diante, podían ir dándolle a pause e parar, facíaselle máis asequible. Chegábannos ecos moi positivos do proveito deses materiais.

 

A RESPOSTA DOS CATEQUISTAS

Ninguna diocese pode desmerecer o traballo dos catequistas, pois é unha tarefa fundamental desde o comezo da Igrexa. O que facíamos era recoller materiais, distribuilos, poñernos en contacto coas familias e animalos moito. Compartían con nós as dúbidas e pedíannos determinados materiais, segunto ían necesitando. A partires de aí acedíanse as luceciñas e podíamos facer materiais de acordes coas súas necesidades. Facían de nexo cos párrocos. Eles escribíannos dándonos moitísimos ánimos, agradecendo o traballo que faciamos, contentos co material que recibían.

Resultáballes novedoso. Enviábase o “Por si puede ser útil”, pero non era tan específico. En internet non sempre atopaban de todo, por iso avisaban, preguntaban, etc. e iso axuda a todos.

MATERIAL PARA UN CATEQUISTA

No envío que se lle fai á rede de catequistas só vai o “Por si puede ser útil”, ou “jugando también se aprende”. Nas semanas de confinamento, estes recursos colcáronse directamente páxina web www.catequesisdegalicia.com, e compartíase polas redes sociais. Foi todo máis inmediato. Facíase o venres pola tarde, pero non era viable envíalo á rede. Na páxina pode atoparse todo. Repartíase por os grupos de whatsapp que imos tendo, grupos das asambleas, os de Godly play, etc.; covertímonos así nunha rede, pero evitamos os envíos masivos. Chegou a moitísima xente. Velaí os números: temos preto de 4000 seguidores en Facebook e as publicacións de Semana Santa chegaron a máis de 5000 destinatarios.

 

EXPERIENCIA PARTICIPATIVA DOS PAIS

Non hai segredos. Hai moito Espírito. O primeiro é animalos. Bastantes tiñan e teñen moito medo a facer algo que non saben facer. Como nos pode pasar a nós: custa moito comezar aquilo que non sabemos facer. Non se atrevían. Se lle dixésemos no primeiro momento: “tes que facer catequese familiar”, tal vez non o deran feito. Pero enviando material, animándoos, estando con eles, preguntándolles… o catequista ten que facerse presente na familia. Tal vez ese foi un dos puntos fundamentais: FACERSE PRESENTE. Non se clausurou a catequese nin desapareceu o catequista da vida das familias e os rapaces. Estivemos aí preguntando, en comunicación con eles. Non só para a parte catequética, senón para esoutra parte vital que sucedeu naquelas semanas.

 

REVISIÓN

Sabemos que estaba e está funcionando, nun bo camiño, porque houbo, antes ca nada, feedback. Chégannos moitos correos de Galicia e doutras partes. Agradecen con agarimo o traballo feito e falan dos bos resultados nas parroquias e coas familias coas que traballan. Tratamos o tema persoalmente cos catequistas e eles coincidían: “Ás familias da miña parroquia chegoulles, funciona…” Mandáronnos fotos dos signos que se fixeron en Semana Santa, por poñer un caso. Era un punto de partida moi ilusionante.

 

O ESPECÍFICO

Ter en conta que isto forma parte dun proceso. Desde principio de curso témolo claro e moi pensado. Pode que non se poida aplicar literalmente o planificado, pero se ten sentido e vai axeitado ás motivacións das persoas coas que temos que traballar, é sempre productivo. É un material que combina a internet, os recursos, a creatividade, a música, o video, a familia, á Igrexa… Ten un pouquiño de todo. Iso é unha boa razón. Non existe algo tan completo en España; de feito, houbo outras dioceses que o fixeron seu todo este traballo despois de comezalo nós.

 

HORAS INVERTIDAS

Son mestra nun colexio e, moitos días tiña que compaxinar, na mesma pantalla, as cousas do centro escolar coas da Delegación de Catequese. É moi difícil calcular o tempo que se lle adica. Ao mellor dan as 23:00h e aínda estas ás voltas con un aspecto que hai que perfilar para publícalo de contado, ou para compartilo nas redes ao día seguinte… Entre catro e cinco horas ao día fixeron boa falta.

 

FORMACIÓN

O primeiro que se precisan son gañas. Hai moita xente con moita formación que non se involucra nun traballo destas características. Nós sentímonos parte da Igrexa que nos chama a ser catequistas. Se tivese que incorporarse un profano na materia, diríalle que se ten que preparar seriamente. Como mínimo, cursos de catequese ou de formación para catequistas. Sempre hai que saber. A maiores, o que cada quen queira ampliar.

 

CONECTAR CONTIDOS EXISTENTES OU CREAR UNS PROPIOS?

Recordo que cando remataba Ciencias Relixiosas poedíanme o traballo final de grado. A miña obsesión era facer algo novo e o meu director díxome que non había nada novo, senón que todo estaba inventado. Coa catequese pasa algo parecido: non é que sexa nada novo, pero require darlle unha “volta” e adaptalo aos interlocutores que temos no século XXI; non podemos dar a mesma catequese agora que nos anos 70. Valen catequeses feitas noutros lugares e que nós poidamos adaptar ao noso contexto (sí que cómpre seguir o principio da inculturación da fe); e tamén pensar formas, xeitos ou linguaxes novas de presentar a mensaxe do Evanxeo aos nosos nenos.

 

UN EXEMPLO DE “FORMAS NOVAS”

Últimamente estou moi emocionada co tema narrativo. Volver a narrar as historias sagradas. Ser catequista é facer eco da Palabra de Deus, por iso temos que ser narradores de historias. Poder contar coa experiencia de fe doutros que nos teñen algo que dicir a nós, chámame particularmente a atención. Testemuños, historias bíblicas, etc. No fondo a doutrina sácase da Palabra de Deus e da Tradición da Igrexia, cousa que, se o pensamos dalgún xeito, tamén nos chegou “narrado”.

A RESPOSTA DOS PÁRROCOS

En xeral, temos moita sorte. Colaboran. Os párrocos confían no que facemos e deixan facer. Eu estou en San Estevo de Tremoedo e participo moito no arciprestazgo de Arousa. Cando ven que sabes o que estás a facer e contas con eles (ás veces, non todos sabemos de todo; eu, se cadra, non sei moito de Liturxia pero outro, de catequese non sabe tanto, porque non o fai habitualmente; é normal). Necesitamos coordinarnos: non somos illas nin traballamos cada un para a súa “leira”. Todos pertencemos á Igrexa.

 

AS “NOTAS” DANDO CATEQUESE.

Non todos temos as mesmas cualidades. Eu poñería, tanto a párrocos como a catequistas un 7,5 ou un 8 porque aínda queda marxe de mellora. Moitas das cousas que seguimos a facer nas parroquias mantéñense polo “principio” de “sempre se fixo así” e iso é moi, moi relativo. Podemos perder un pouco o horizonte, pois nas primeiras comunidades non se facía “así”. Penso que sería un lema a “desterrar”, hoxe por hoxe.

 

UN PRIMEIRO PASO QUE  VALERA PARA TODOS

A primeira tarefa que lle recomendaría a un catequista, ou se eu teño que ir de novas a colaborar na catequese doutra parroquia, sería “facer familia” cos catequistas. Ninguén, en por sí, pode innovar nunha parroquia, nin leva a fe. A nosa identidade cristiá ten unha forte dimensión comunitaria; non somos illas.

Non se pode chegar a unha parroquia e “tirar” con todo o que se fixo, sen coñecer ás persoas, nin tratalas. Como é a súa motivación? Cales son as súas experiencias? Como son as familias dese lugar? Etc. Por aí hai que comezar. Somos catequistas para transmitir unha vivencia persoal. Os catequistas, coma os discípulos de Emaús, non poden anunciar nada ata que eles mesmos non recoñecen a Xesús nos Seus xestos e palabras.

 

TRABALLO EN EQUIPO

O Delegado é Miguel Varela. Eu non concibo facer nada por libre sen antes comunicarllo a el. Logo, formamos un equipo que traballa coordinadamente desde a programación inicial de curso. Fálase primeiro a nivel de Catequistas de Galicia e despois cada Delegado, co seu equipo, comeza a funcionar. Unha vez que se teñen as liñas do curso pastoral, establécese unha axenda de catequistas que recolle todo o que se vai afrontar e, a partir de aí, repartimos as tarefas entre os membros do equipo (sacerdotes, relixiosas e segrares), máis alá da preparación de materiais: a administración, os pedidos, a atención da rede de catequistas, a maquetación, subir as noticias, alimentar a páxina web, atender os correos electrónicos, etc. No momento en que van aparecendo as diferentes campañas anuais, o traballo vai caendo coma unha “chuvia” e todos estamos a disposición.

 

FUTURO DE VIRTUALIDADE OU PRESENCIALIDADE?

O que fixemos durante o confinamento ten un punto a favor: preparamos un material para que as familias puidesen traballar. Pero non só para iso. Sobre todo, para que se recoñecesen como IGREXA DOMÉSTICA. Este é o punto fundamental. Se isto fose ben entendido, comprenderían que teñen un papel imprescindible en cada unha das comunidades. De feito, o obxectivo máis ambicioso da formación que compartimos, sería o de ir preparando verdadeiras comunidades cristiás: familias de fe vivas. Velaquí a verdadeira oportunidade que percibimos traballando desde o domicilio. Eu non concibo a catequese “online” nin tampouco a docencia absolutamente “online”: ás veces queda a sensación de que falamos co ordenador, por moito que haxa unha persoa do outro lado. Pasa coa catequese, coa liturxia, etc. Certo que na casa estivemos “celebrando”, cando as circunstancias nos “enclaustraron”; pero non é o mesmo. Creo que a xente sábeo. Quen non o sabe é porque precisa un empuxón e descubrir estoutra realidade.

 

Fátima Noya

Catequista