Actualidad

Continuando o voo. Grazas mocidade, grazas Don Bosco!

A familia salesiana celebrou, o pasado 31 de xaneiro, a clausura das celebracións con motivo dos 200 anos do nacemento de Don Bosco. Segundo Cousido Vieites, é salesiano, nado na parroquia de Santa Cruz de Castrelo, concello de Cambados. Na actualidade, desenvolve labores de Coordinación da Pastoral no colexio Salesiano de María Auxiliadora de Vigo. Ninguén mellor ca el para glosar connosco unha figura e unha institución que presta un gran servizo na Igrexa e na sociedade.

Valdocco, aforas da gran cidade de Turín. Mediados do século XIX, plena Revolución Industrial. Aquelas aforas da cidade, son un fervedoiro de mociños chegados do campo. Xoán Bosco, acaba de estrear o seu ministerio de crego e, da man do seu acompañante espiritual, san Xosé Cafasso, visita o cárcere… alí, non só ve, senón que cheira e apalpa a miseria, a pobreza e a desfeita que no corazón daqueles mociños producía esa situación: analfabetismo, explotación, dureza do cárcere,… É aí, onde Xoán Bosco decide responder a dúas fortes chamadas: o berro daqueles mociños que precisaban dun pai, e o berro de Deus que o chamaba a amosarlles a aqueles mozos que El é un Pai Bo.

É así como lle gustaba facer cando era cativo: subir á corda de equilibrista para facer camiñar a súa vida e o seu corazón nun perfecto equilibrio entre o amor a Deus e o amor á xente moza… ata consumir a súa vida por eles, deixando tras si escolas profesionais, obradoiros, contratos dignos para os mozos, e unha gran Familia formada por Salesianos, Fillas de María Auxiliadora, Salesianos Cooperadores,… e unha manchea de grupos que fixesen de verdade “casas” nas que aqueles mociños medrasen en plenitude, xeitosos.

E coma a pólvora, a misión e a Familia Salesiana correron dun cabo ao outro do mundo servindo e atendendo creativamente as necesidades da mocidade. Aínda en vida de Don Bosco chegou a Familia Salesiana a España. Don Bosco en vida visitou España no ano 1886. Galicia foi a terceira comunidade autónoma á que chegaron, despois de Andalucía e Cataluña.

Era o 30 de decembro de 1894 cando os primeiros salesianos chegaron a Vigo, e desde alí alcanzaron Ourense, A Coruña, Castrelo-Cambados, Santiago de Compostela, Lugo… Os fillos e as fillas daquel crego turinés souberon axeitar o grande agasallo do sistema educativo de Don Bosco á cultura da nosa terra.

O Sistema Preventivo é a espiritualidade educativa vivida por Don Bosco e que nos deixou en herdanza, está baseado na presenza agarimosa en cada momento da vida da mocidade, na confianza, no amor concreto por cada un dos rapaces e rapazas, na convicción por parte dos educadores de que en todo mozo e moza hai un milleiro de valores que debemos axudar a descubrir e desenvolver, e na fe nun Deus que ama apaixonadamente a cada persoa.

Ao longo do 2015 celebrouse a nivel mundial a conmemoración do bicentenario do nacemento de Don Bosco: milleiros de actividades para agradecer a vida deste home, cuxa experiencia educativa, espiritual e evanxelizadora goza dunha plena actualidade.

Na clausura deste bicentenario toda a Familia Salesiana segue a ser chamada a poñerse ao servizo da mocidade, é a nosa parte na misión da Igrexa, así nolo lembrou o Papa Francisco na visita que fixo ao berce salesiano (Valdocco), o 21 de xuño. A mocidade é o noso lugar de encontro con Deus. Por iso, celebrando a Don Bosco sentimos renovada a chamada de Deus a habitar a cultura da mocidade, e a camiñar con ela atopando e deixándonos atopar por Deus.

Celebrar o bicentenario non é so mirar para atrás, senón coller anovados azos para continuar o voo do soño salesiano.

Segundo Cousido Vieites