Quen máis quen menos tense visto afectado pola pandemia do coronavirus no que se refire ao traballo: redución ou diretamente supresión do traballo, ERTE, teletraballo, “conciliación” laboral con nenos/as en casa, afectación do entorno laboral, etc.
Recentemente publicouse un estudo elaborado pola Universidade de Barcelona sobre as condicións de traballo. Entre os datos máis significativos atopamos que o 42% das persoas enquisadas recoñeceron estar preocupadas pola perda do seu emprego, e o 70% dos participantes amosaba o seu temor a unha diminución de salario. Por non falar do impacto da pandemia na saúde da poboación traballadora (enfermidades cardiovasculares, trastornos de saúde mental, etc.).
A nivel global a caída de horas de traballo no 2020 equivale á perda de 400 millóns de empregos a tempo completo, millóns de traballadores humildes da economía informal serán descartados e millóns de nenos e nenas obrigados a traballar. De aí a convocatoria dunha Cumbre mundial sobre a COVID-19 e o mundo do traballo pola OIT onde traballadores, empresarios e gobiernos analizarán as repercusións económicas e sociais da pandemia para reconstruír o mundo do traballo.
Tamén a Igrexa tense mobilizado, desde pequenas comunidades ata a Comisión Vaticana COVID-19, conformada por cinco grupos de traballo. En palabras de Augusto Zampini, secretario adxunto, “na política económica debemos atender primeiro aos máis afectados pola crise socioeconómica; entre eles os traballadores pobres e descartados”, xa que “a pandemia pode ser unha oportunidade para que a economía volva a estar ao servizo das persoas”.
Cobra actualidade o maxisterio da Igrexa, tanto insistindo na necesidade dunha “ecoloxía económica, capaz de obrigar a considerar a realidade de maneira máis ampla. Porque «a protección do medio ambiente deberá constituír parte integrante do proceso de desenvolvemento e non poderá considerarse en forma illada»” (LS 141), como o esforzo para que “toda a economía e todas as finanzas, e non só algúns dos seus sectores, en canto instrumentos, deben ser utilizados de maneira ética para crear as condicións adecuadas para o desenvolvemento do home e dos pobos” (CIV 65).
E nestes tempos, quen ten axudado aos máis febles a nivel institucional? Pequenas comunidades e grupos, movementos populares, “un exército sen máis arma que a solidariedade, a esperanza e o sentido da comunidade que reverdece nestes días nos que ninguén se salva só”.
Agora toca conxuntamente, estructuras eclesiais en unión coa sociedade civil, primar empresas e cooperativas pequenas, con produción cercana, que fixe poboación no rural, que favoreza a redución de contaminación e onde se tezan relacións de confianza. Porque semella unha obriga moral o chamamento de Francisco: “Espero que a crise sexa unha oportunidade de pór no centro das nosas preocupacións a dignidade das persoas e a dignidade do traballo”.
https://www.ccoo.es/5a2456b71be76180daaf0ffd563d62eb000001.pdf (Condicións de traballo, inseguridade e saúde no contexto do COVID-19, xuño 2020)
http://www.humandevelopment.va/es/vatican-covid-19.html
http://www.vatican.va/content/francesco/es/encyclicals/documents/papa-francesco_20150524_enciclica-laudato-si.html (Laudato Sii, n.º 141)
http://www.vatican.va/content/benedict-xvi/es/encyclicals/documents/hf_ben-xvi_enc_20090629_caritas-in-veritate.html (Caritas in Veritate, n.º 65: “Ademais, requírese que as finanzas mesmas, que han de renovar necesariamente as súas estruturas e modos de funcionamento tras a súa mala utilización, que danou a economía real, volvan a ser un instrumento encamiñado a producir mellor riqueza e desenvolmento. Toda a economía e todas as finanzas (…)”)
http://w2.vatican.va/content/francesco/es/letters/2020/documents/papa-francesco_20200412_lettera-movimentipopolari.html (Carta de Francisco aos movementos populares, 12 abril 2020)
http://www.vatican.va/content/francesco/es/audiences/2020/documents/papa-francesco_20200506_udienza-generale.html (Francisco, Audiencia xeral, 6 maio 2020)
Alfredo Losada
Vicedelegado de Apostolado Seglar