Vodas de Prata Episcopais do Sr. Arcebispo
Data xubilar para toda a arquidiocese e para os seus fregueses. Os 25 anos de episcopado foron exercidos por D. Xulián Barrio en Compostela. Coidamos que é, en España, o bispo máis veterano servindo na mesma sede. Vaia para a súa Excelencia o noso respectuoso e humilde parabén.
A presencia de D. Xulián para animar, alentar en todas e cada unha das parroquias e nos diversos eidos da pastoral diocesá, é manifesta, proverbial. A súa palabra elocuente, sabia, alecciona a todos.
Imaxinámolo pasando horas, de noite, despois dos trafegos do día, escribindo no ordenador as súas pastorais. Non hai acontecemento na vida da diocese que non conte coa súa exhortación.
Moito é de agradecer a súa asistencia aos funerais de sacerdotes. Costume iniciado por monseñor Suquía. Sempre aproveita don Xulián para facer un chamamento polo rexurdir das vocacións. Quizais aquí estea o intre máis doroso do seu mester pastoral. Ver que a diocese perde sacerdotes cada mes, que non hai substitucións, que a idade dos que permanecen en activo reduce as posibilidades para unha atención cumprida, como todos quixeramos. Ogallá que o laicado veña a encher, en canto é posible, este Valeiro. Nese labor estamos.
Son moitos e importantes os actos programados para a celebración xubilar. Aportaremos unha modesta idea. Hai anos, o Instituto Teolóxico Compostelán editou un tomo con homilías de don Xulián, entre elas, bastantes artigos con temas xacobeos. Desde aquela, o Sr. Arcebispo vén pronunciando conferencias sobre o culto a Santiago, a peregrinación. Todas, de gran altura, en foros europeos. Sería ben dispor de toda esa sabiduría contida en diversas publicacións. Isto honraría a unha revista como Compostellanum.
No pasado Ano Santo, D. Xulián impartíu un maxisterio de excelencia na Catedral. Traballo agotador para calquera, pero que o Sr. Barrio Barrio superou ben, a Deus gracias.
Vén aí outro Ano Santo e, sen duda, contaremos coa súa palabra sabia, culta, políglota.
Lembro as Vodas de Prata episcopais do Sr. cardeal Quiroga. Celebrámolas en marzo de 1.970. Dixo estas proféticas verbas falando da súa presentida morte: “más pronto que tarde”. Así foi. No XII mes do 1971, deixounos para descansar en paz. Viña o amado cardeal vendo o decaemento do seminario, o abandono dalgúns sacerdotes. Todo isto acabou con aquela figura rexa que nos parecía invulnerable.
Mais, con don Xulián, coa súa plenitude e vitalidade, teremos, D. M., un Ano Xubilar Xacobeo, que será un tempo de bendición para a Igrexa diocesá e universal.
Isto pedimos ao Noso Señor por intercesión de Santa María e o Apóstolo Santiago.
Xosé Pumar Gándara
Sacerdote y escritor