Actualidad

Sobre persoas refuxiadas e persoas inmigrantes

No ano 2014, había no Mundo, segundo datos oficiais, 59,5 millóns de persoas desprazadas do seu lugar de orixe, a causa de persecucións, conflictos, violencia xeralizada, ou violación dos dereitos humanos. Ademáis de Siria, atopamos persoas refuxiadas, entre outros moitos lugares,  en Sudán do Sur, República Centroafricana, Etiopía ou Uganda en África; en Afganistán ou Pakistán, con conflictos endémicos, en Asía; en Colombia en América Latina; e mesmo 250.000 persoas ucraínas tiveron que refuxiarse en Rusia na nosa Europa. Evindentemente sempre houbo e hai millons persoas refuxiadas, a peculiariedade agora é que esas persoas están a chegar a Europa en importante número. Chegan, ademáis, a pé, por terra, son, polo tanto, unha realidade que non podemos evitar ou esconder. Por iso, parece, que os estados europeos finalmente van artellar alguna alternativa, presionados por unha sociedade civil que foi moi por diante dos seus dirixentes, especialmente no caso de España. Conven precisar, que o dereito ao refuxio, ao asilo político, é un dereito humano fundamental, das persoas que teñen que fuxir para evitar a súa morte. Esta situación é incuestionable no caso das centos de miles de persoas de orixe sirio, afgano ou doutros lugares que transitan agora polo Leste do noso Continente. O seu dereito impide que establezamos cotas (aínda que se puxeron), porque en realidade teremos que acollel@s a tod@s. Pero, non nos asustemos, Europa ou España teñen, temos capacidade para acoller a moitas persoas. Outra matización, só poderan vir co recoñecemento xurídico da condición de asilad@s e cos dereitos e axudas económicas que iso implica. Nese sentido, os estados, neste caso o Estado Español é o responsable único e final desta Realidade. Caberá, sen dúbida a solidariedade ofertada por tantas persoas, pero será nunha fase posterior, seguramente, e artellada dende as administración públicas.

Pero aquí en España ou en Galicia, viven con nós persoas procedentes doutros países dende hai tempo. No caso galego, a verdade é que non son moitas, a penas 100.000 persoas. Maioritaríamente, ademáis de portuguesas, de procedencia latinoaméricana, romanesas (porque son comunitarias e non teñen atrancos legais)  ou marroquinas (con moita tradición entre  nós). Outras nacionalidades, con relativa importancia ademáis do resto de comunitarias,  son as persoas senegalesas ou as chinesas. Estas persoas sufren, como no resto do Estado, unha Lexislación de estranxeiría moi dura, que limita os seus dereitos e que impide na práctica unha entrada legal e razoable ao noso país. Por certo, como no caso das persoas refuxiadas, as chamadas “mafías” non son a causa deste tráfico de seres humanos, senón a consecuencia das limitacións legais que establecemos os gobernos europeos. As que chegan, se atopan, ou regresan a unha situación de irregularidade administrativa (as chamadas “sen papeis”) non pode acceder a axudas sociais de tipo algún, só poden traballar de forma irregular, e sufren persecución policial, que pode acabar en ingresos en centros de internamentos de estranxeiros (peor que cadeas) ou en deportacións masivas. (Curiosamente o Estado Español, expulsou o ano 2014 a máis de  10.000 persoas, podemos facer oco evindentemente para esas persoas refuxidas que nos asignan). Con esa realidade, de xestións de documentacións complicadísimas, axudas asistenciais, mediación policial ou social, etc, traballamos a cotió no noso Programa de Cáritas Interparroquial de Santiago. Conven que non esquezamos esta realidade, xa presente entre nós, e tan pouco coñecida; aínda que evidentemente, como dicíamos máis arriba, temos que acoller a esas persoas refuxiadas, non só a 15.000 ou 20.000, senón a  todas. Non queda outra, se queremos estar a altura da nosa dignidade como seres humanos e como fill@ s de Deus, como remata de recordarnos de forma certera o Papa Francisco.

Miguel Fernández Blanco
Responsable do Programa de Emprego e Inmigración Cáritas Interparroquial Santiago