Ò final do camiño haberá unha aperta
Ao meu irmán e amigo Xulián, arcebispo de Santiago:
Vinte anos de ministerio episcopal na Igrexa que peregrina en Santiago son cousa de celebrar e de agradecer: a Deus que nos agasallou coa túa vida, e a ti que lle dixeches si para acompañar na fe o no camiño.
Téntame a idea de ver naquel día da túa vida algo así como unha anunciación, que sempre é un descosido –unha desfeita- nos proxectos que un ten, para lle deixar a Deus tódalas palabras sobre a propia vida.
Ningún relato deixou constancia do que María de Nazaret, “a escrava do Señor”, recordaba, celebraba e agradecía vinte anos despois de lle dicir si ó anxo que a visitara con palabras do ceo e de graza.
A risco de non acertar unha, eu diría que, no segredo da máis amada, atoparíamos unha noite escura de medos e pregarias porque Xosé non se volvese tolo con aquel embarazo fóra de razón, apuros e confianza na procura dun lugar discreto para dar a luz aquel fillo que viña de Deus e chegaba ó mundo como chegan os pobres, angustias e preguntas por cousa dun fillo perdido que, cando o atopas e respiras, nin sequera che da a satisfacción dunha explicación.
Na vida da Virxe María, as alegrías, certas e misteriosas, están máis alá das nosas, tanto que nin sequera as podemos adiviñar; haberá que imaxinalas e, como quen di, deducilas por reflexión. E chegamos á conclusión de que, levándoas sempre consigo, levounas sempre por dentro, como ancoradas na alma, no máis segredo da vida, e que, dende dentro, ían iluminándoo todo tamén por fóra.
Así, meu irmán, coido que van no teu corazón os anos vividos coa Igrexa que peregrina en Santiago.
Aí, por dentro, levarás pregarias e medos, confianza e apuros, gozos e preocupacións, e a graza de Deus que todo o recolle e o acomoda na milagre da paz.
Aí, por dentro, coma un pai, coma unha nai, gardarás palabras e xestos, insomnios e febres dos fillos que Deus che confiou.
Aí, por dentro, bulirán esperanzas, soños, sínodos, camiños, abrazos, futuro.
Día a día, atados nun monllo o tempo, os traballos, os recordos, a vida, todo sobe ata o ceo, coma se todo ti peregrinases confiado ata o corazón de Deus.
Ó final do camiño, querido Xulián, haberá unha aperta… e será o ceo…
Grazas, irmán. Grazas, amigo.
Fr. Santiago Agrelo
Arzobispo de Tánger