Como vivimos esta pandemia?. O primeiro de todo, cun gran impacto. Foi a incertidume que trouxo o susto da pandemia, o medo. Dun xeito case que inmediato descubrimos que ese medo é un recurso para a toma de decisións que aparecía diariamente diante de nós: atacar non parecía o máis útil, fuxir é claro que non resolvía nada da vida pastoral e petrificármonos non é nada evanxélico, nin por acción nin por omisión. A segunda “iluminación crente”, pedíanos ler todo o que acontecía nese segundo nivel de profundidade que aportan a fe-espiritualidade. A flexibilidade foi a resposta máis útil, adaptarnos no presente, na historia, no cotiá… para descubrirmos a Deus afirmándose en todas as realidades positivas da historia. Unha terceira clave, foi todo un reto que afectaba á liña de flotación da igrexa: onde quedaba a comunidade humana e crente, soporte, medio e punto de chegada das nosas accións pastorais? Tamén neste espazo descubrimos unha chamada á transformación da realidade na que nos desenvolvemos.
O volume inxente de información recibida, a limitación do contacto social aberto e constante, o aumento das horas de convivencia dentro do fogar con todo tipo de situacións e respostas individuais á nova situación, as emocións tantas veces encontradas e variables… fixéronnos poñer en valor un novo significado do “encontro”. Encontro con Deus doutro xeito, encontro cun mesmo máis real, encontro cos outros presentes, que nos levaron a saber agradecer todo o bo que sucede na nosa volta e acoller o difícil e o frustrante que viña nesta nova circunstancia “coxuntural”. Sempre e todo, conxugado na primeira persoa do plural.
Este paso traía collido da man un espertar da creatividade para alentar a nosa fe. Puxémonos en clave de escoita e atención, reunímonos virtual e telefonicamente cos compañeiros, consellos pastorais, equipos parroquiais; creamos un espazo web, en formato de rede social (comunidade) no que poñer diariamente un pequeno alimento espiritual, con textos diarios da liturxia, enlaces de catequese, referencias da EDAP, horarios de celebracións que podíamos seguir nos medios, memoria das persoas que morrían e invitación a acompañar ós máis febles e vulnerables do noso contexto. Todo o podíamos facer cunha chamada telefónica dentro da propia parroquia a aquel familiar, veciño… que precisaba máis de nós e logo compartilo cos párrocos ou cos grupos de traballo. Acompañar a quen tiña que afrontar a morte dun ser querido é merecente dun capítulo moi especial: todos os casos vividos tiñan o denominador común dun trauma.
Comprobamos que, no medio da particular aceptación da morte como se vive no mundo rural de Galicia, as familias quedaban en shock. Aprazaron a expresión das súas emocións, non puideron despedirse dos seus seres queridos tal e como eles o consideran digno, non puideron compartir con “normalidade” os últimos momentos da vida dos seus seres queridos. Non houbo máis ca unha pobre resignación que non abría moito camiño á esperanza cristiá. Non houbo forzas para chorar no cemiterio, a información recibida era tan confusa que non houbo certeza algunha sobre as condicións da morte e todo era moi rápido de máis. A distancia física era tan grande como a distancia emocional e moitas preguntas quedaron sen resposta. Este reto terá que ser atendido con especial coidado e “mimo” no seu momento para reconstruír o que está rompido e sandar o que está ferido dende o Deus cristián. Sempre e todo, conxugado na primeira persoa do plural.
Despois do tempo-esforzo que levamos investido na creación da Unidade Pastoral, en resposta ós acordos do Sínodo Diocesano, abríase un tempo distinto que parecía truncar moito do feito baseado en coñecérmonos, recoñecérmonos e encontrármonos como parte dun todo máis grande ca nós. Pechábanse as portas físicas dos nosos templos parroquiais e abríase unha porta nova, metáfora do significado do Reino: aberto, sen marcos, participativo, transparente, exposto… Cancelábase a porta dun xeito de servir individualista e institucionalizado, non-colaborativo, e abríase a porta da “sinerxía” con todos, con cada quen, coa administración. Pechouse a porta do asistencialismo para abrir a porta de “caritas como corazón da Igrexa”. Pechouse a porta do localismo para abrir a porta, liderado na TVG cada domingo, á “nova parroquia da igrexa galega” sen lindeiros físicos, experimentando a comuñón da nosa fe. Parece que disto se trata: abrir horizontes. Sempre e todo, conxugado na primeira persoa do plural.
Agora ven a volta, agardando que teñamos aprendido a miralo todo, a todos, a Deus, con ollos novos, cos seus propios ollos… ven, Espírito Santo e axúdanos a construír o Reino de Deus
Roberto Freire