Liturgia

Cerimonia da Apertura da Porta Santa

Nos signos litúrxicos, abrir unha porta sempre supón achegarse ó Señor. El é o Camiño e, tamén, a Porta (Xn. 10,7). Así pois, nesta Porta, que é Cristo mesmo, está a nosa salvación. A Porta Santa da nosa Catedral serve a este propósito por medio do seu signo como “Porta da grande perdoanza”. Se o pecado é unha realidade ineludible para o ser humano, témo-la axuda de Deus para vencelo. Se tódalas cousas santas contribúen a nos liberar do pecado, abri-la Porta Santa significa achegarse definitivamente ó perdón. A liturxia desta apertura encerra un rico simbolismo, disposto en tres partes, que tentaremos expoñer nos seus puntos máis sobranceiros.

Parte primeira: Procesión ata a Porta Santa.

A liturxia adoita traspoñe-las accións cotiás nos signos máis fondamente espirituais. Por exemplo, converte unha sinxela comida fraterna no cumio do noso encontro co Señor: a Eucaristía. Na liturxia camiñamos sempre dende a terra ata o ceo. Por iso, resulta moi significativo que a cerimonia para abrir unha porta comece cun simple camiñar, transformado nunha solemne procesión. Nesta ocasión, achegámonos a Deus, cantando o Salmo 121: «Moito me alegrei cando me dixeron: “Ímonos ir á casa do Señor” -Xa están os nosos pés ás túas portas, Xerusalén…» Así, queda patente que o espazo sagrado representa a Xerusalén celeste. Isto fainos conscientes de que o noso peregrinar terreo sempre nos leva cara á vida eterna.

Parte segunda: Rito de apertura.

Unha vez situados na praza da Quintana e feito o saúdo habitual, o Arcebispo dá comezo á oración comunitaria da Igrexa congregada ante a Porta Santa. Para este fin, emprega a oración colecta propia da “Misa pola reconciliación”, recordando a todos que esta cerimonia inaugura “días especiais de salvación”, por medio das indulxencias plenarias concedidas. Seguidamente, un diácono proclama a perícope do Evanxeo segundo Lucas, no que Xesús entra na sinagoga de Nazaret. Lendo as palabras do profeta Isaías, Cristo mesmo proclama “o ano de graza do Señor”. A continuación, faise lectura da mensaxe papal para o Ano Santo, xa que somos membros dunha católica Igrexa, confirmada na unidade por Pedro. Despois, cantamos xuntos o himno “Veni, creator Spíritus”, implorando a axuda do Espírito Santo.

Entón, o Arcebispo achégase á Porta Santa e comeza un fermoso diálogo co pobo reunido. Diversos textos bíblicos (tomados na súa maioría do libro dos Salmos) mostran a ledicia e o agradecemento a Deus por abri-las portas da salvación. Logo, o arcebispo golpea tres veces a Porta Santa co xa famoso martelo de prata e introduce a chave na pechadura. Mentres tanto, soan trompetas de xúbilo, repican as campás e acéndese a lanterna da Torre do Reloxo, que será dende ese intre coma un faro que oriente ós peregrinos. Remata o rito cunha oración arcebispal, que fai memoria do xubileo do perdón, instituído por Moisés e renovado por medio das indulxencias actuais para o perdón dos nosos pecados.

Terceira parte: Misa estacional.

Coa preparación da procesión de entrada, comeza a celebración eucarística. Os diáconos lavan as xambas da Porta santa e algúns peregrinos adórnana con flores. O Arcebispo recibe a Cruz procesional e axeónllase en silencio ante a Porta Santa, sendo o primeiro en atravesala. Como canto de entrada, emprégase o himno “Te Deum”, propio dos oficios litúrxicos máis solemnes.

Para a celebración da Eucaristía, tódolos textos son os propios desta tarde: a Misa vespertina da Solemnidade de Santa María, Nai de Deus. Puxemos no título deste apartado: Misa estacional, porque esta é a denominación da Eucaristía, cando un bispo a celebra nas solemnidades máis importantes do ano litúrxico, coa participación plena e activa de todo o pobo santo de Deus, principalmente na Catedral e rodeado dunha ampla representación de presbíteros, diáconos e outros ministros. Así, maniféstase a unidade da Igrexa local e a diversidade de ministerios en torno ó seu bispo.

 

Rafael C. Casás Salgado, diácono.

Subdelegado diocesano de liturxia